logosMonteSala.png

O sábado, concerto imperdible para os amantes do folk rock: Saurom en acústico na Rebullón

 

  • Na súa extensa xira, Saurom só ofrecerá en España dous concertos en acústico, en Sevilla e en Mos, este sábado ás 21h na Rebullón

 

  • O seu espectáculo “El principito” presentouse no Movistar Arena de Madrid en marzo, con máis de 7.000 entradas vendidas

 

  • Intensa fin de semana en Tameiga: Nissan Music Festival o venres, Kornoj o domingo, e a festa de San Xoán o luns 23 de xuño

Mos, 18 de xuño de 2025.- A do sábado na Rebullón será unha actuación moi especial e practicamente única en España. Os andaluces Saurom, cunha ducia de discos editados e preto de trinta anos de traxectoria de éxito no folk rock, ofrecerán en Mos un concerto acústico no marco da súa xira 2025 “El principito”. Xunto co de Sevilla, serán os dous únicos acústicos de Saurom en España.


Saurom é un grupo español de rock que adereza o seu estilo con influencias folk, celtas, música tradicional e metal. As súas letras están baseadas en multitude de influencias, en particular a literatura, principalmente lendas, poemas, romances e contos medievais. A banda, a través da metáfora, preocúpase de que as súas mensaxes teñan un fondo crítico, cultural e social.


Algunhas das súas letras, sobre todo as que concirnen aos seus discos conceptuais, teñen unha temática máis explícita, relacionada coa novela “O Señor dos Aneis“, de J. R. R. Tolkien, coa literatura clásica e tradicional andaluza, así como coa Biblia, entre outros textos relixiosos.


O espectáculo “El principito” presentouse en marzo en Madrid, no Movistar Arena, e congregou a máis de 7.000 persoas, mostra da solidez da súa traxectoria e da frescura da súa proposta. A xira comezou o mes pasado e vai levar a Saurom por máis de 25 cidades, principalmente españolas, mais tamén cruzarán o charco para actuar en Quito ou Bogotá, por exemplo.


Este sábado, 21 de xuño, un dos dous únicos concertos acústicos de Saurom, ás 21 horas na Sala Rebullón, con entradas desde 25 euros en anticipada, á venda na cantina do CSCD As Pedriñas e online, ou 30 euros na porta.