Lamatumbá, este venres
A fin de semana musical na Rebullón comeza este venres, ás 22 horas, coa actuación dunha formación referente na escena musical galega desde hai máis de dúas décadas.
Lamatumbá presentará na Rebullón novo directo e nova imaxe coa que seguir “botando leña”. Con catro discos editados, o grupo destaca pola súa enerxía festiva, letras con crítica social e exaltación da nosa tradición, cun son que mestura cumbia, reggae, ska e rock. Os seus ritmos apegadizos lograron levar a cultura galega máis aló das nosas fronteiras, con concertos en diversos escenarios europeos, e o seu legado musical continúa máis vixente que nunca.
Lamatumbá actuará na Sala Rebullón este venres, 4 de abril, ás 22 horas, con entradas desde 12 euros en anticipada, á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas, ou a 15 euros na billeteira.
|
|
O domingo, Cantometrics e Os Melidaos
E para pechar a fin de semana, un dobre concerto para valorizar a riqueza da nosa música tradicional: Cantometrics e Os Melidaos, desde as 19 horas e entrada con sistema de billeteira inversa, no que o público aboa á saída o que considera xusto polo espectáculo que acaba de presenciar.
Cantometrics chega á nosa sala para ofrecernos unha viaxe sonora única a través do arquivo de Alan Lomax, que inspirou o seu nome. Músicas galegas de gran traxectoria exploran as conexións existentes entre as nosas tradicións e as doutras partes do mundo, con gaita, zanfona, marimba, percusións e voz. Grazas á súa proposta, Cantometrics mantén viva a esencia das cancións ou dos cantos populares, mesturándoas con novas sonoridades.
Pola súa banda, Os Melidaos completarán unha xornada para celebrar o mellor do folclore galego levando á Rebullón a súa interpretación da música tradicional galega, coa que gravaron catro discos de estudio.
Como programación complementaria, teremos a presentación da revista Clara Corbelhe ás 16:30h na sala de espellos.
|
|
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a Sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 persoas que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|