O venres, vonsharon + Six Legged Elephant
E un día antes, este venres 6 de marzo ás 22 horas, un novo asalto de rock cru e sen artificios co concerto dos bretóns Vonsharon, xunto á banda viguesa Six Legged Elephant. Unha noite para recuperar a fe no mellor rock internacional e galego, desde só 8 euros en anticipada (10 € na billeteira) á venda na cantina do CSCD As Pedriñas.
O dúo bretón vonsharon reivindica un rock que regresa á escuridade, lonxe dos barrios elegantes, cunha fórmula tan sinxela como demoledora: batería, guitarra e unha voz que ás veces se desdobra en dúas. Maxim Castel-Charron e Noël Tupin constrúen cancións habitadas polo hastío, a rabia sincera, a ironía, as gañas de fuxida e a lucidez, situándose nun territorio sonoro que dialoga coa composición de Hanni El Khatib e a furia abrasiva de DITZ, coa enerxía directa de bandas como Blood Red Shoes.
Na Sala Rebullón presentarán as cancións de “Text When You Get Home”, un álbum que fala da espera, do control, do desexo e desas formas de comunicación que tranquilizan tanto como encerra. O disco foi construído como un bucle emocional, unha historia que comeza cunha pregunta, se transforma en acto e regresa insistente, case ferida, con motivos sonoros que reaparecen como unha cicatriz que evoluciona pero nunca desaparece de todo.
Os vigueses Six Legged Elephant abrirán a noite cun rock alternativo de pura enerxía e alma melancólica, que eles mesmos definen como “unha viaxe entre a calma e o caos”. Guitarras pesadas, frenéticas e potentes, e un groove moi marcado deste cuarteto do que gozarán as persoas afeccionadas a nomes como Royal Blood, Queens of the Stone Age ou Red Fang. Por méritos propios, Six Legged Elephant gañaron ser considerados unha das formacións con maior talento e potencial do rock alternativo vigués e galego.
Un venres que sintetiza á perfección a intención musical da Comunidade de Montes de Tameiga a través da súa Sala Rebullón, dando cabida a unha gran banda internacional (vonsharon) e proxectando o talento das propostas locais emerxentes e con gran potencial (Six Legged Elephant).