Vio-lence deixou unha pegada imborrable na historia do metal con discos convertidos en clásicos, como “Eternal Nightmare” (1988) e “Oppressing the Masses” (1990). Precisamente, con esta xira, os de San Francisco celebran o trixésimo quinto aniversario deste emblemático álbum, interpretando o disco completo xunto a outros temas esenciais do seu repertorio.
Na Rebullón, Vio-lence chega con forzas renovadas para vibrar e facer vibrar ao público galego coa forza e a contundencia da súa música. Ademais, a actuación virá precedida do directo enérxico e intenso de Blast Open, banda asturiana de thrash metal clásico con sons modernos e letras potentes que, ao longo da súa traxectoria, ten publicado varios traballos que lles permitiron consolidarse na escena metal estatal.
O concerto é este venres 2 de maio, ás 20:30 horas, con entradas desde 18 euros en anticipada (23 € na billeteira), á venda online e tamén no Pub Transylvania, no Honky Tonk e na cantina do CSCD As Pedriñas.
|
|
O sábado, Napalm Fest
Ao día seguinte, o sábado 3, prenderá o seu lume na sala Rebullón o Napalm Fest, o festival que ofrece as actuacións de catro bandas de metal, con entrada de balde e finalidade solidaria.
O Napalm Fest Southern Edition vaise celebrar este sábado 3 ás 20:30 horas, con entrada a través de billeteira inversa, no que o público aboa ao remate do espectáculo a cantidade que considera xusta polo espectáculo que vén de presenciar, para apoiar ao evento.
Quen asista, poderá gozar da enerxía de catro grupos. De Madrid chegan The Ancient Arrival, que se fixeron un nome na escena local pola súa proposta potente que combina elementos clásicos e modernos do metal. Tamén actuará Cabodano, unha das bandas galegas máis destacadas do metalcore actual. Os de Sigüeiro fusionan o xénero con elementos do thrash, punk e hardcore.
En terceiro lugar, o Napalm Fest programa a actuación de Beach Avenue, un grupo lucense de grunge e nu metal que, en menos de dous anos de traxectoria, logrou abraiar ao público e converterse nunha das novas promesas do xénero en Galicia. Por último, o festival contará coa contundencia do groove metal dos vigueses Vákner.
Ademais, unha vez máis, a edición de 2025 ten un compoñente solidario. A organización do festival colabora co Frente L.A. Santuario Animal, entidade lucense de protección animal destinado a aqueles animais que foron discriminados ou maltratados pola sociedade. Neste espazo atopan a liberdade e os coidados que precisan para levar unha vida saudable e feliz. O santuario atópase en Lugo, nunha finca rodeada por varios quilómetros de bosque, na que os animais poden gozar de varias hectáreas de verdes praderías e zonas arboradas.
|
|
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Alzouse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|