logosMonteSala.png

Serán O Fiadeiro: sábado de Serán infantil e popular na Rebullón, con seis grupos e entrada de balde

• A Rebullón acolle na tarde deste sábado 18 o Serán O Fiadeiro, unha tarde de festa, baile e cultura tradicional con acceso de balde

• Serán infantil ás 17 h, actuación das pandereteiras de Pan.Sen.Fron ás 20 h é, desde as 21:30 h, Cantigas e Agarimos, Rebulir, Cántigas e Frores, Xacarandaina e Grupo Etnográfico L’Oriente e serán aberto!

Mos, 16 de xaneiro de 2025.- A tarde deste sábado, 18 de xaneiro, promete festa e diversión para todos os públicos. Un ano máis, a sala Rebullón acolle o Serán O Fiadeiro, unha xornada para celebrar a nosa cultura e folclore con acceso de balde e ata seis grupos distintos sobre o escenario.

 

A xornada comeza este sábado ás 17 horas, cun Serán infantil que fará as delicias da cativada, con tres horas de música, baile e diversión, perfecto para gozar en familia da man dos máis pequenos e pequenas da casa.

Despois, ás 20 horas, toma o relevo o espectáculo Pan.Sen.Fron, Pandeireteiras Sen Fronteiras, unha gran familia que acompaña a Xurxo Fernandes nas súas viaxes. A festa é a especialidade destas pandeireteiras tan singulares, que tanto bailan uha muiñeira como unha tarantela, co obxectivo de expandir a cultura galega e irmandala con outras culturas e sonoridades tradicionais. E cada ano máis lonxe, desde Madrid ata Rumanía, Bulgaria, Italia, India ou Cabo Verde.

A continuación, a partir das 21:30 horas, o Serán continúa con cinco grupos máis na Rebullón. Cantigas e Agarimos é unha agrupación folclórica de Compostela especializada en canto, baile, pandeireta e instrumental, que procura achegar ao público toda a bagaxe das tradicións que configuran o sentir galego, cun espectáculo de calidade que traslada ao espectador directamente ás nosas raizames. Rebulir é unha asociación cultural e xuvenil de baile e música tradicional con vinte anos de traxectoria e sede en Ramirás (Ourense). Nas súas actuacións, fan un percorrido por diferentes ritmos e tipoloxías de danzas que existen en Galicia, procurando difundir a  ampla e rica cultura tradicional galega.

Tamén estarán na Rebullón uns clásicos coma os lucenses Cántigas e Frores, con máis de setenta e cinco anos de traxectoria asociativa, docente e cultural, que traerán gaitas, festa, música, canto e pandeireta para facernos pasalo ben. Ademais, gozaremos tamén doutros históricos como Xacarandaina, que levan case medio século traballando na conservación, divulgación e dignificación do patrimonio inmaterial de Galicia, cun grupo composto por uns 50 componentes. O colectivo fixo un importantísimo traballo de campo recuperando as músicas, bailes, danzas, cancións e instrumentos autóctonos, e teñen montado máis dun cento de bailes e pezas musicais. O Serán contará ademais co Grupo Etnográficu L’Oriente, chegados de Llanes, Asturias, para presentarnos o seu espectáculo de baile tradicional e moita festa.
 
E por suposto, ao remate das actuacións, serán aberto á todo o público asistente e que siga a festa! En definitiva, unha tarde de sábado cheo de baile, música e diversión para todas as idades, con acceso de balde, organizado pola Asociación Cultural O Fiadeiro co apoio da Comunidade de Montes de Tameiga e a Sala Rebullón.