logosMonteSala.png

Os Residuos Atractivas presenta este sábado na Rebullón o seu novo disco: “Antes molabamos”

  • Con case 15 anos de traxectoria, a banda de Vigo plasma en cancións un anecdotario retranqueiro de vivencias persoais

 

  • O concerto será o sábado 30 ás 22 horas, con entradas desde 10 € e dous grupos convidados: As Darbucas Dacolá e Os Vacaloura

Mos, 27 de novembro de 2024.- “Antes molabamos” é o último disco do grupo vigués Os Residuos Atractivas, que reúne unha quincena de temas sobre a base da na música tradicional e contan, con moita retranca, anécdotas e vivencias persoais dos músicos nas súas viaxes por Galicia.

A banda presentará en directo o seu novo traballo este sábado 30, ás 22 horas, na sala Rebullón. E únense á festa dous grupos máis: As Darbucas Dacolá e Os Vacalouras. As entradas están á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas desde só 10 euros máis gastos, 14 euros na billeteira.

Os Residuos Atractivas, como grupo, formouse no 2010, mais só contan con dous traballos editados, froito da súa irregular traxectoria e dos avatares persoais dos seus integrantes. Dado o seu gusto pola retranca, a banda decidiu titular ao novo traballo cun “Antes molabamos” que di exactamente, afirman, o contrario do que senten.

Segundo eles mesmos indican, eloxian o concepto cultural do “residuo” como fonte de creación. Como palabra xenérica, o residuo fala do que sobra, mais “os Residuos cantamos ao que non nos sobra, e atractivas son as cancións que nos restitúen o que a vida nos vai queimando”.

Os Residuos Atractivas defínense coma “unha banda que, ao noso xuízo, vale tanto para escoitar mentre ledes a Dostoievski coma para poñer de fondo mentres fritides unhas salchichas”.

Para arropalos, este sábado vanse sumar á festa dúas bandas máis. As Darbukas Dacolá, tamén de Vigo e tamén cunha longa traxectoria musical, ofrecerán ao público o seu espectáculo de son, movemento e cor, unha auténtica viaxe musical que fusiona a tradición galega coa cultura oriental, percusións e moito baile.

Tamén subirán ao escenario Os Vacalouras. Os do barrio vigués de Teis presentarán o seu punk rock experimental e temas do seu novo traballo, pechando na Rebullón a súa tempada de concertos. Fillos do movemento bravú galego, as súas letras van do absurdo á defensa da tradición sociocultural galega, cargadas de retranca popular. Unha banda única dentro da escena musical galega.