|
|
O venres, Lorelia e As Pías
A fin de semana homenaxe ao 25 de Abril comeza co dobre concerto de Lorelia e As Pías, música de raíz que propicia un encontro sonoro entre Galicia e Portugal, reivindicando os valores da liberdade, a memoria, a loita contra o fascismo e a fraternidade entre pobos.
Lorelia representa a nova fornada de música de raíz galega contemporánea, unha proposta na que o repertorio popular se mestura con toque actuais, influencias do folk europeo e unha posta en escena moi coidada. Lorelia reivindica o rural galego como espazo de creación e celebración colectiva.
A formación naceu da naceu da unión de varios músicos novos cunha visión compartida: explorar o repertorio popular galego desde códigos actuais e con espazo para a improvisación e a interacción co público. No seu traballo revisitan cantigas populares, pezas de foliada e temas de transmisión oral, incorporando influencias do folk europeo e mesmo do pop alternativo.
|
|
|
|
|
Pola súa banda, As Pías son un grupo de música tradicional galega no que destaca a corda e o vento, o baile e a festa. Recuperan seitureiras, foliadas e cantos de romería, que levan ao escenario cunha sonoridade de rúa, directa, participa, convidando a cantar e bailar ao público. Este ano, As Pías teñen xa vinte concertos pechados en Galicia, mostra da proxección e boa acollida do seu espectáculo.
As Pías e Lorelia subirán ao escenario da Sala Rebullón este venres ás 22 horas, con entradas desde 6 euros (10 € na billeteira), á venda online e na cantina da CSCD As Pedriñas.
|
|
|
|
|
|
|
E o domingo, Antía Muíño
Absoluta revelación da nova canción galega, cun rexistro que se move entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e unha fonda querencia pola música tradicional galega. Antía Muíño actúa na Rebullón este domingo ás 19:30 horas por 12 euros en anticipada (15 € na billeteira) á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas.
Antía Muíño está a sumar máis e máis público cunha proposta musical que recorda ás veces a Norah Jones, ás veces a Silvia Pérez Cruz, ás veces a Tracy Chapman, Maria Arnal, Diana Krall ou mesmo a Luz Casal. Ao longo da súa aínda curta traxectoria, Muíño actuou en festivais como o Jazzadia, Verano de la Villa, Os Xoves de Códax ou Sound Isidro, entre outros, e ten colaborado con artistas da categoría de Xabier Díaz, Baiuca ou Abe Rábade.
Gañadora do Premio Martín Códax no 2022 como artista emerxente, foi embaixadora de Spotify EQUAL a finais dese mesmo e resultou nominada en dúas ocasións aos Premios MIN. A galega non deixa de crecer e agora, tras presentar o seu primeiro disco por España, Portugal, Marrocos, República Checa, atópase inmersa na presentación do seu segundo e agardado traballo, “Anfibia por veces”, con paradas en media Galicia, Zamora, Madrid, Zaragoza, Cádiz ou Murcia, e tamén na Rebullón: este domingo 26, ás 19:30 horas.
|
|
|
|
|
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|