logosMonteSala.png

O festón dos premiados Fanfarria Taquikardia, este sábado na Rebullón nun dobre concerto xunto a Feral Booty

  • Premio Martín Códax 2025 na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe, Fanfarria Taquikardia traerá á Rebullón a súa festa trepidante de percusión, ventos, metais e ata doce músicos sobre o escenario
     

  • Actúan este sábado 15 ás 21 horas, desde 10 € en anticipada, xunto a Feral Booty: estilo a cabalo entre o folk, o punk, o country e o rock
     

  • E o domingo 16 ás 18h, a estrea como solista de Farfulhas Capivara: melodías de sempre e xoias ocultas, folk para pasalo ben

Mos, 11 de novembro de 2025.- Fanfarria Taquikardia consolidouse como unha das propostas musicais máis festeiras do país, grazas á súa mestura de influencias, melodías, enerxías e estilos, que os levaron a recoller na última edición o Premio Martín Códax na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe.

 

Agora, Fanfarria Taquikardia chega á sala Rebullón para presentar o seu repertorio taquicárdico, que vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, e sempre co espírito necesario para o baile. E chegan cun novo traballo, Movendo Marcos (2025), un espectáculo cheo de variacións sonoras, un aviso a navegantes dos mares festivaleiros, habitantes de torreiros e romarías: a viaxe da Fanfarria Taquikardia non remata e moitos máis van ser os momentos para desfrutar.

 

O grupo actuará este sábado, 15 de novembro, ás 21 horas, nun dobre concerto xunto a Feral Booty, con entradas desde 10 euros en anticipada, 12 euros na billeteira, á venda na cantina do CSCD As Pedriñas.

 

Fanfarria Taquikardia é contaxiosa paixón e innegable vitalidade. Os seus enérxicos concertos son unha celebración da vida, inspirando á audiencia a sentir ledicia e euforia. A súa música é cativadora e apaixonante desde a primeira nota ata a última, sen deixar espazo para a indiferenza. En directo, ninguén queda impasible e moito menos inmóbil co brutal espectáculo que ofrece este particular conxunto musical.

 

A formación principal compóñena unha trompeta, clarinete, saxo alto, saxo tenor, trompa, trombón, tuba, caixa re-adornada, timbais e bombo-pratos, en total, unha ducia de intérpretes sobre o escenario, en moitos casos, procedentes de varios grupos do panorama musical galego.  As súas influencias musicais son varias: desde as fanfarras de Europa do Leste e os “brass ensembles” de Nova Orleans ata as charangas carnavalescas caribeñas e brasileiras e a música tradicional galega.

 

Pola súa banda, Feral Booty vén prolongar a sesión festeira do sábado na Rebullón. O público vai vibrar co seu son potente e un estilo a cabalo entre o folk, o punk, o country e o rock. Un directo cheo de actitude e enerxía, ideal para moverse e deixarse levar pola personalidade das voces e os seus riffs contundentes de guitarra.

fanfarria___feral.png