logosMonteSala.png

Os estadounidenses Flotsam and Jetsam, banda de culto do thrash metal, este venres na Rebullón

  • Única parada en Galicia dun dos grupos fundacionais do thrash metal de EE.UU., con máis de catro décadas de traxectoria

  • Chegan acompañados dos australianos Hidden Intent e dos galegos Northslave, nunha noite imprescindible para os amantes do xénero

  • O evento terá lugar este venres, 5 de setembro, ás 20:30 horas na sala Rebullón, con entradas desde 20 euros en anticipada

Mos, 5 de setembro de 2025.- Regresa setembro e regresan as grandes bandas internacionais á sala Rebullón, desta volta, da man dunha auténtica lenda do thrash metal: Flotsam and Jetsam.

 

Os de Phoenix, Arizona, son unha das bandas fundacionais do thrash metal estadounidense e convertéronse en referencia e inspiración no xénero desde a súa formación, no 1981. O venres chegan á Rebullón no marco da súa xira estival “I Am The Weapon” coa que están a presentar o seu último traballo do mesmo nome, cun estilo que mestura riffs afiados, velocidade e voces melódicas, que os distinguen doutros compañeiros de xeración.

 

Con máis de catro décadas de traxectoria, Flotsam and Jetsam convertéronse en banda de culto por méritos propios. Cun son que inicialmente bebía do metal británico de Iron Maiden ou Judas Priest, axiña incorporaron a velocidade e a agresividade do thrash que medraba nos Estados Unidos, da man de bandas como Exodus ou Metallica.

 

Así, o seu debut “Doomsday for the Deceiver” (1986) pasou á historia por ser o único disco en recibir a cualificación perfecta de 5K na revista Kerrang! E co paso dos anos, Flotsam and Jetsam consolidáronse cunha discografía ampla e variada, coa que foron descubrindo e madurando o seu son.

 

Os seus últimos discos –”The Cold” (2010), “Flotsam and Jetsam” (2016), “The End of Chaos” (2019), “Blood in the Water” (2021)– tiveron moi boa acollida e reforzaron a súa identidade propia como banda lendaria do thrash metal. O seu último traballo, “I Am The Weapon” (2024), consolida ao grupo como unha referencia viva do thrash, venerado e respectado tanto polos vellos “thrashers” como polas novas xeracións.

 

Unha oportunidade única para gozar do potente directo dun grupo de culto, que ofrece só catro concertos en España (Madrid, Barcelona, Vitoria) e só un en Galicia: este venres, 5 de setembro, ás 20:30 horas, na sala Rebullón. As entradas están á venda no pub Transylvania, no Honky Tonk e online, por 20 € en anticipada ou 25 € na billeteira.

 

Con Hidden Intent e Northslave

Flotsam and Jetsam desembarcan na Rebullón acompañados de dúas bandas, facendo da noite do venres unha sesión imperdible para os afeccionados ao mellor metal.

 

Os australianos Hidden Intent son unha das bandas máis activas e fieis ao thrash clásico, logrando traer de volta a festa, a enerxía e a agresividade do thrash dos anos 80, pero cun toque propio, que eles mesmos definen como “party thrash”. O seu directo é pura festa, frescura e interacción co público. E son coñecidos pola súa actividade imparable en xiras: teñen compartido escenario con Helloween, Destruction, Artillery, Lich King ou Municipal Waste, percorrendo Australia, Asia e Europa.

 

Con preto de quince anos de traxectoria, o seu último álbum, “Terrorform” (2025), amosa unha banda en plena forma, con xiros técnicos e letras cargadas de humor, crítica social e moito espírito de directo.

 

O venres tamén descargarán a súa enerxía na Rebullón Northslave, a máis nova das tres bandas. Os de Compostela formaron o grupo no 2019 da unión de músicos con experiencia en distintos estilos, que deciden crear unha proposta baseada nun thrash groovero con elementos de death e metal alternativo.

 

Northslave construíron a súa reputación principalmente no directo. Tocaron en salas e festivais de toda Galicia e están a dar o salto ao resto da península. O seu paso polo Metal Nostrum Fest ou o concerto con Brutalfly en Xixón deixaron moi boas críticas. Ata agora, publicaron varios singles con videoclip (Remember, Memories) que amosan un son potente, con riffs graves, voces agresivas e atmosferas densas.