Mos, 15 de outubro de 2024.- Cosmic Wacho é unha experiencia musical efervescente e relaxante, hipnótica e vibrante. A dupla provinte da Costa do Sol malagueña fai devoción da súa vocación, misturando de forma única o latino co urbano.
Este venres, 18 de outubro, ás 22 horas, Cosmic Wacho recreará o seu universo musical inaudito na sala Rebullón, desde só 11 euros en anticipada máis gastos de xestión, á venda online, ou 15 euros na billeteira. O grupo, nacido no 2020, está no seu mellor momento, presentando o seu segundo disco, “Lo que dicen por ahí”, éxito de crítica e público.
O dúo non deixa de medrar. Cosmic Wacho (vídeos) suman máis de 100.000 oíntes en Spotify e sinxelos como “Caramelo”, “Botecito” ou “Sabe a tu nombre” superan xa o millón de streams. Ademais, foron portada en Spotify Radar Indie este ano, tamén foron seleccionados para os Concertos de Radio 3 e para AIE Artistas en Ruta, cos que chegan á Sala Rebullón este venres.
Creado en pleno confinamento polo español Alejandro Domínguez (Aless) e o arxentino Franco Felici, o proxecto Cosmic Wacho é unha aposta destes produtores e músicos por crear unha ponte entre as sonoridades latinas e a vangarda urbana. Tomando a cumbia, filla predilecta do ritmo latinoamericano, como nave ama de cría, Cosmic Wacho recrea un universo musical inaudito na nosa escena actual. Un no que os Meridian Brothers van de tequilas con C Tangana, ou Kevin Johansen enrédase con Quantic & Flowering Inferno.
O seu segundo disco de estudo, “Lo que dicen por ahí”, foi publicado a finais de abril de 2024 cunha excelente acollida por parte de crítica e público. O grupo está inmerso este ano nun extensa xira de presentación do seu novo traballo, con ducias e ducias de concertos por media España e latinoamérica, onde pisaron escenarios de México e Colombia.
Neste traballo contan con sinxelos como a súa fascinante colaboración coa mexicana Pahua en “Luna Villera”, “No soy malo”, “Botecito’, unha canción de amor das de toda a vida, ou o hit rompepistas “Stratocarte”. Se non coñeces aínda a Cosmic Wacho é o momento de afondar no seu son refrescante.
Ademais, Cosmic Wacho contarán este venres na sala Rebullón con Michu + Pacheco como artistas convidados, integrantes de Michu da Rocha, o proxecto liderado polo vigués afincado en Compostela, Michu Malvar.
|
|
X Aniversario de FILLOS D’PILE
O sábado, festa rachada na sala Rebullón polo décimo aniversario de Fillos D’Pile: música, baile, moitos amigos e amigas, e foliada libre ao remate dos concertos.
Desde as 19 horas deste sábado, con entrada de balde, actuación de Fillos D’Pile para celebrar os seus dez anos sobre os escenarios. Pero ao da Rebullón tamén se subirán outros artistas convidados: Xarabal, Airiños do Castelo e Lembranzas Galegas. E ao remate, foliada libre.
Fillos de Pile comenza a súa historia no ano 2014, cando un grupo de amigos pídelle o mestre Jandro Barciela (sendo este xa amigo e familiar do grupo) se estaría disposto a botarlles unha man tanto no apredizaxe de novas pezas cómo na mellora musical en xeral. Daquel comezo saiu un proxecto no que hoxe forman mais de 30 integrantes entre gaiteiros e percusionistas. Tocan pezas do repertorio tradicional e de autor con arranxos propios.
|
|
E o domingo, teatro.
Ao día seguinte, a Comunidade de Montes de Tameiga programa na sala Rebullón unha nova representación teatral dentro do ciclo Fegatea, este domingo 20, ás 19 horas, e co sistema de billeteira inversa, no que o público accede de balde e, ao remate da obra, abona a cantidade que considera xusta polo espectáculo que acaba de presenciar.
Desta volta, a Rebullón acolle unha proposta da compañía Atrezo Teatro, de O Porriño: “A decisión de María”. Trátase dun drama para todos os públicos que atrapará ao público desde o comezo: “Son María, teño 15 anos, xoguei sen coñecer as regras… Estou preñada, estou soa, teña medo… E non sei que facer”.
|
|
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a Sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
|
|
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|