logosMonteSala.png

 Os suízos Dirty Sound Magnet, rock ácido e enerxía electrizante, este venres na Rebullón

     • Único concerto en Galicia dos suízos, que presentan este venres 8, ás 22 h, o seu último traballo: “Dreaming in Dystopia”

    • Desde 15 euros en anticipada, Dirty Sound Magnet destaca polo seu rock pegadizo e psicodélico, e polo seu directo explosivo

    • E o sábado 9, desde as 18 h, regresa o Magosto a Tameiga, con castañas de balde e actuacións ao longo de todo o día

 

Mos, 6 de novembro de 2024.- Unha vez máis, o mellor do rock emerxente internacional desembarca na Sala Rebullón. Este venres, 8 de novembro, Dirty Sound Magnet chega desde Suíza para descargar o seu rock ácido e cheo de enerxía, unha auténtica viaxe psicodélica que vén de esgotar entradas o martes no seu concerto en Bilbao.

Dirty Sound Magnet está de xira por Europa para presentar “Dreaming in Dystopia”, o seu último disco, coa Rebullón como única parada en Galicia. Na península, os suízos xa actuaron en Bilbao, Santander e Oviedo, e, despois do seu agardado espectáculo en Tameiga, visitarán Madrid, Sevilla ou Barcelona, entre outras cidades. As entradas, desde 15 euros en anticipada, online (máis gastos) e no CSCD As Pedriñas; 18 euros na billeteira.

Rock ácido, psicodélico e mesmo surrealista é o que practica Dirty Sound Magnet, tres suízos que cantan sobre lugares máxicos e garanten unha viaxe ácida absoluta. Desde cancións pegadizas de rock and roll de gran enerxía ata psicodelia chamánica, o espectáculo de Dirty Sound Magnet representa unha experiencia incrible para calquera amante da música.

En calquera momento, unha explosión de enerxía electrizante pode transformarse en paisaxes emocionalmente abrumadoras e misteriosas feitas de complexas capas de cores. O ollo ve tres músicos, mentres o oído escoita unha orquestra. E cada noite a música é diferente...

Sen lugar a dúbidas, o concerto deste venres de Dirty Sound Magnet na Rebullón fará as delicias do público seguidor de bandas míticas do rock como Led Zeppelin, King Gizzard, Jimi Hendrix, The Doors, Pink Floyd, Frank Zappa ou Black Sabbath.

Magosto As Pedriñas
O sábado, 9 de novembro, Tameiga celebra o seu tradicional magosto con castañas de balde para as persoas asistentes e ata cinco actuacións ao longo da xornada, un evento completamente gratuíto para todos e todas.

As actuacións comezan a partir das 18 horas. Será entón cando comece a música e a festa da man de Os Monifates, unha tropa de músicos ambulantes e monicreques que animarán e divirtirán ao público co seu espectáculo de música tradicional e baile para toda a familia. Tamén pola tarde actuarán Xiada Gaiteiros Refrescantes, máis troula e música folc para vibrar e bailar sen parar, tanto a rapazada como os máis maiores.

Xa á noitiña, será o turno dos concertos de A Cantadeira, Omiri e Saraghallada. A Cantadeira é o proxecto en solitario de Joana Negrão, artista cunha ampla traxectoria na música e na tradición oral portuguesa, con nove discos publicados en bandas como Dazkarieh ou os Seiva. Agora, a súa voz exerce de fío condutor de paisaxes sonoras tradicionais e moi actuais.

Omiri sumarase a continuación ao magosto cun dos proxectos máis orixinais de reinvención da música tradicional portuguesa. E para logralo, nada mellor que integrar imaxes e sons de músicos e paisaxes sonoras de todo o país luso, con vídeos que serven de base á composición musical e á improvisación de Vasco Ribeiro Casais sobre o escenario.

Nos últimos anos, Omiri consolidou a súa proxección internacional, actuando nos maiores festivais do mundo: Womex (Finlandia), Reepperbahn (Alemania), Eurosonic (Países Baixos), Rudolstadt (Alemaña), Kaustinen (Finlandia), Viljandi (Estonia), Dranouter (Bélxica), Live at Heart (Suecia), entre moitos outros.

E para pechar por todo o algo o magosto nas Pedriñas, actuación de Saraghallada. É o formato minimalista de “A Companhia do Ruído”. Cancións de rasca, romarías, foliadas, pasarrúas e un feixe de clásicos de música galega contemporánea pasan pola peneira desta banda, no que a retranca comparte escenario coa música para encher ao público de festa e ledicia.