logosMonteSala.png

Luís Peixoto, un dos cordofonistas máis prestixiosos de Portugal, presenta novo traballo na Rebullón

 
    • Despois do éxito do seu último disco “Geodesia”, Luís Peixoto presenta “Nortada”, o seu novo sinxelo xunto co galego Xosé Liz
 
    • Intérprete e compositor, recoñecido polo seu equilibrio entre o tradicional e o contemporáneo, Luís Peixoto actúa este sábado 7 ás 22 horas, desde 12 euros en anticipada

Mos, 3 de febreiro de 2026.- Unha das propostas musicais máis interesantes do país veciño chega á Rebullón. Luís Peixoto atópase entre os mellores intérpretes de cordofóns tradicionais, como o cavaquiño e o bandolim, e está a ser quen de construír unha carreira artística con maiúsculas. 
 
Despois de formar parte varios grupos e acompañar a inmumerables artistas (Dulce Pontes, Kepa Junkera, Uxía Senlle, Rosa Cedrón, Brian Finnegan, Kalakan…), Luís Peixoto (vídeos) lanzou no 2017 a súa traxectoria en solitario cun traballo que foi moi ben acollido por público e crítica: “Assimétrico”. 
 
Pese ao recoñecemento, o artista non quedou estancado na fórmula. Sempre apuntando a novos horizontes musicais, no ano 2021 publicou “Geodesia”, cunha sonoridade actualizada, en formato trío acústico e centrándose principalmente na mandolina. Neste traballo, Peixoto rodeouse do talento do catalán Ciscu Cardona (guitarra) e do asturián Rubén Bada (violín) para reinterpretar, a través de composicións propias, a música tradicional lusa. “Geodesia” foi amplamente eloxiado por publicacións como World Music Central ("soberbio"), NSF ("creativo e virtuoso") e Time Out ("rara beleza e sensibilidade").
 
Agora, Luís Peixoto dá continuidade á súa procura constante de novos camiños con “Nortada”, un novo sinxelo editado hai pouco máis de mes e medio co galego Xosé Liz. O portugués continúa explorando sonoridades, sempre no perfecto equilibrio entre o contemporáneo e o tradicional. 
 
Este sábado, Peixoto ofrecerá na Rebullón un concerto moi especial en formato cuarteto xunto a Álvaro Iglesias, Xosé Liz e Marc Xarau, e contará ademais con dous convidados de excepción: Fernando Barroso e Pedro Fariñas. 
 
A actuación terá lugar este sábado, 7 de febreiro, ás 22 horas. As entradas están á venda desde 12 euros en anticipada, online e tamén na cantina do CSCD As Pedriñas, ou por quince euros na billeteira. Un encontro único que promete un diálogo musical intenso e emotivo entre distintas sensibilidades e raíces ibéricas.