logosMonteSala.png

Ivette Cepeda, voz imprescindible da canción cubana, ofrece na Rebullón o seu único concerto en Galicia

   • É unha das cantante máis recoñecidas da súa xeración pola súa voz cálida, potente e versátil, con máis de 30 anos de traxectoria de éxito
 
   • Cepeda presenta “Cruzando puentes”, un espectáculo que une as dúas beiras do Atlántico, este domingo 22 ás 18:30 horas, desde 15 €
 
    • E este sábado ás 22 horas, o rock explosivo dos franceses BLOYET BROTHERS fai parada na Rebullón, dentro da súa primeira xira estatal e acompañados polos redondeláns Jay & The Smoking Machines

Mos, 18 de marzo de 2026.- Con trinta anos de traxectoria, Ivette Cepeda gañou con luz propia a súa posición como unha das voces máis importantes de todos os tempos da música cubana. Agora, a artista une as dúas beiras do Atlántico nun espectáculo, “Cruzando puentes”, que presentará este domingo 22 ás 18:30 horas, con entradas desde 15 euros en anticipada (20 na billeteira), á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas. 
 
Ivette Cepeda é unha artista excepcional, unha das voces máis intensas e emocionantes da música cubana contemporánea. Ofrecerá en Mos o seu único concerto en Galicia, un espectáculo co que vén de encher salas en Madrid, Málaga e Valencia, conquistando ao público coa súa forza interpretativa e unha conexión única co escenario.
 
O seu repertorio bebe do filin, o bolero, a canción latinoamericana e a música de autor, creando concertos profundamente emocionais. A crítica destaca o seu carisma en escena, a intensidade das súas interpretacións e súa capacidade para conectar co público. Tanto é así que se lle considera sucesora emocional de figuras como Santiago Feliú e Compay Segundo.
 
Leva máis de trinta anos de traxectoria, con varios discos publicados e numerosos recoñececmentos no seu país, como o Gran Premio Cubadisco, o Premio Lucas á mellor canción, Premio Excelencias del Arte, Premio La Bella Cubana da UNEAC e o Premio Coliseo á mellor posta en escena, entre moitos outros. Os premios e a súa gran popularidade no seu país fixo posible xirar con éxito por escenarios de Latinoamérica, Estados Unidos, Francia e Alemaña.
 
De seguro, na Rebullón ofrecerá un concerto íntimo e poderoso. Ivette Cepeda é unha voz que atravesa a alma e dará un concerto cun nome que tamén é un xesto. “Cruzando puentes” evoca como a música ten esa maxia única de achegar beiras, borrar distancias, tender camiños entre culturas, historias e corazóns. O domingo, desde Cuba ata a Rebullón, chegará unha voz plena de raíces, sentimento e verdade, que converte cada canción nunha ponte viva entre a súa terra e a nosa.