logosMonteSala.png

A Rebullón acolle a estrea de “Laboratorio sonoro”, o novo espectáculo de Sheila Patricia

  • A artista de Redondela presenta este venres 21 ás 22 horas o seu novo espectáculo en solitario, un canto ao empoderamento feminino

  • Sheila Patricia tece un universo musical único e inconfundible que versa entre o folk, o fado, o jazz e a mistura con ritmos actuais

  • Ademais, este sábado 22 a partir das 19:30 h, dobre concerto: o folk de El Pony Pisador e a Galicia tropical da man de O Sonoro Maxín

Mos, 19 de marzo de 2025.- A Rebullón acolle este venres o esperado concerto de Sheila Patricia, quen presentará o seu novo espectáculo "Laboratorio sonoro": o regreso da artista aos escenarios cunha proposta renovada que promete sorprender ao público coa súa mestura única de folk, fado, jazz e ritmos contemporáneos.

 

O concerto será este venres, 21 de marzo, ás 22:00 horas, con entradas desde 10 euros en anticipada, na venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas, ou 12 euros na billeteira.

 

Sheila Patricia naceu en Redondela no seo dunha extensa familia de artistas e foi quen de forxar un camiño musical único que combina as súas raíces galegas e arxentinas. Ao longo da súa carreira, enriqueceu o seu son con influencias adquiridas durante as súas viaxes por América Latina, creando un universo musical inconfundible e persoal. A constante conexión coa terra reflíctese no seu imaxinario artístico, onde rescata o sentimento do canto popular das mulleres, herdanza da súa avoa, unha das figuras femininas máis influentes na súa vida.

 

A voz de Sheila Patricia, máis que un instrumento, é o eixo central da súa obra cunha interpretación elegante e moi persoal. Convértese así nunha ferramenta emocional que conecta directamente co público.

 

Con “Laboratorio sonoro”, a artista retoma a experimentación musical como eixo central da súa proposta, recupera a improvisación, explorando posibilidades con loopers, voz, pandeireta e guitarra. Esta nova etapa creativa chega tras a súa recente maternidade, experiencia que transformou a súa perspectiva artística e persoal. A cantante ve neste regreso aos escenarios unha oportunidade para reivindicar a súa profesión como muller artista, reforzando así o seu compromiso co empoderamento feminino.