Mos, 12 de novembro de 2024.- Esta fin de semana, a sala Rebullón acolle un festival musical solidario en beneficio da plataforma Ulloa Viva, na súa loita contra a implantación da celulosa portuguesa Altri. O I Festival Salvamontes vaise celebrar este venres e sábado, cun total de seis bandas sobre o escenario.
Os abonos para os dous días do festival están á venda desde só 15 euros en anticipada –10 euros a entrada dun día–, online ou na cantina do CSCD As Pedriñas. Na billeteira, os prezos serán de 13 euros por unha xornada, 18 polas dúas. Os beneficios logrados co festival serán doados integramente á organización cidadá.
O I Festival Salvamontes xurde como resposta á ameaza de desenvolvemento de sendos macroproxectos económicos e comerciais cun elevado impacto en áreas naturais, ambos co apoio da administración autonómica. No caso da Comunidade de Montes de Tameiga, o GS360 que promove o grupo GES da familia Mouriño, tamén propietaria do Real Club Celta; en Palas de Rei, a celulosa portuguesa Altri.
Ambos proxectos non cumprían os requisitos para a súa implantación, así que a Xunta pretende declaralos como proxectos de interese estratéxico para Galicia, evitando así o cumprimento das leis e facilitando a expropiación do solo para as grandes empresas.
A implantación de Altri causaría un deterioro significativo e irreversible á auga do río Ulla e dos ecosistemas dependentes, mentres que o GS360 secaría os acuíferos que abastecen a 5.000 persoas de Mos. Por outro lado, no tocante ao impacto na masa arbórea, suporía a proliferación do eucalipto na Ulloa e en Galicia, e a devastación de máis superficie forestal na área de Vigo, tan necesaria sobre todo en zonas periurbanas.
Tanto Tameiga como a plataforma Ulloa Viva comparten a súa defensa dun modelo económico compatible co respecto ao patrimonio ambiental galego, á paisaxe e á biodiversidade, ao tempo que rexeitan o desenvolvemento de dous proxectos industriais de dubidosa legalidade tendo en conta as directivas ambientais europeas, que ademais afectarían gravemente ao noso medio ambiente e aos recursos naturais dispoñibles para a veciñanza.
O cartel
Os concertos comezarán ás 21 horas. Este venres, 15 de novembro, actuarán Tiam GZ, Flow do Toxo e Willow GHZ. Tiam GZ é rap, reivindicación e pura festa. Desde o dembow á muiñeira, ningún ritmo se lles escapa. Nos seus directos, os da comarca de Chantada misturan a súa identidade rapeira cunha sesión de DJ, coa que van construindo unha homenaxe á nosa terra.
Flow do Toxo, grupo integramente feminino, presentan o seu primeiro traballo, “Aquí están as que ghritan”, un berro persoal e colectivo desde o rural, co rap como forma de reivindicación directa e sen complexos. Música para pasalo en grande.
Willow GHZ é o pseudónimo de Darío Burgo, un dos artistas emerxentes máis interesantes da escena musical urbana en Galicia. A súa música move entre o trap, e o hip hop. Natural de As Neves tamén é o cantante da banda Keixa.
Ao día seguinte, o sábado 16, outras tres formacións subiranse ao I Festival Salvamontes pola defensa da terra. O Leo de Matamá é coñecido polo seu estilo irreverente, mesturando rock, punk e influencias da cultura popular galega, con temas humorísticos e satíricos, sempre con toques de retranca galega. O Leo combina o humor con mensaxes que buscan facer reflexionar.
Sun Iou é a gran promesa e revelación do rock&roll en galego. Procedentes do barrio vigués de Teis, a banda está a presentar o seu primeiro traballo, “Agora”, lanzado este mesmo ano, unha coidada mestura de rock&roll e tradición con engaiolantes harmonías vocais.
Por último, os composteláns Ruxe Ruxe, clásicos e referentes da escea rock e punk galega, con preto de trinta anos de exitosa traxectoria. Este ano, a banda ofreceu varios concertos en Irlanda nos que presentou temas do seu próximo e agardado traballo.