logosMonteSala.png

A xira internacional de Sangre de Muérdago fai parada este venres na Rebullón

  • Con sete discos publicados, o cuarteto presenta “O Xardín”, o seu novo traballo, con concertos en España, Portugal e Países Baixos

 

  • O grupo, referente do folc máis internacional, subirá ao escenario da Rebullón este venres 24, ás 21 horas, desde 12 euros en anticipada

 

  • O sábado 25, Corenta e dez Fest na Rebullón, cos aragoneses The Kleejoss Band, os lusos The Bateleurs e os ourensáns Distance Sisters

Mos, 22 de outubro de 2025.- Sangre de Muérdago leva preto de vinte anos explorando o folc ata converterse, por méritos propios, nun dos proxectos máis singulares do panorama musical internacional. Capitaneado polo ourensán Pablo Caamiña, a banda vén de publicar o seu novo e agardado traballo, “O Xardín”, e está a presentalo cunha gran xira internacional que fai parada este venres 24 na Sala Rebullón.

 

O concerto será este venres 24 ás 21 horas, con entradas desde 12 euros en anticipada, á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas, ou 15 euros en billeteira.

 

Durante este mes de outubro, o grupo está a actuar nunha ducia das principais cidades de España e Portugal. En decembro, a xira continuará por catro localidades dos Países Baixos. A presenza internacional de Sangre de Muérdago é un habitual do grupo, que conta con 22 xiras europeas ás súas costas, tres por América e outra por Asia, mostra do seu talento e da aceptación do público.

 

Desde os seus comezos no ano 2007, a banda logrou construír unha carreira musical que fala por si soa. Cantada integramente en galego, a súa discografía inclúe máis de quince traballos publicados, dos que sete son discos de longa duración.

 

O ourensán Pablo Caamiña é o responsable da creación e liderado do proxecto dende os comezos, encargándose da composición musical, xestión e mesmo da súa propia edición e publicación. O actual cuarteto está formado por Pablo Caamiña, Georg Börner, Xoel López e Saúl Nogareda, cunha gama instrumental que inclúe guitarra clásica, zanfona, nyckelharpa, violoncello, clarinete, caixa de música, percusión tradicional e harmonías vocais.

SangueDeMuerdago.jpg

Sangue de Muérdago