logosMonteSala.png

A Sala Rebullón celebra o sábado o seu 8º aniversario con cinco concertos e xantar popular

  • O sábado, 10 de maio, a CMVMC de Tameiga festexa os oito anos da mítica sala cunha xornada moi especial: actuación de Rusty Bones en sesión vermú, xantar popular, Leira e Jay & The Smoking Machines pola tarde nas Pedriñas; e xa á noitiña, Zavala e Ruxe Ruxe na Sala Rebullón.

Mos, 7 de maio de 2025.- A Sala Rebullón cumpre oito anos de sólida traxectoria cultural e, para celebralo co seu público, a Comunidade de Montes de Tameiga organiza todo un día para compartir a mellor música, o mellor xantar e o mellor ambiente.

 

Será o sábado, 10 de maio, e comezará sobre as 13 horas cunha sesión vermú a cargo dos vigueses Rusty Bones no CSCD As Pedriñas. Logo, xantar popular con churrasco e, á tardiña, a romaría continuará cos concertos de Leria e Jay & The Smoking Machines. Á noitiña, e xa na propia Sala Rebullón, actuacións de Zavala e de Ruxe Ruxe para pechar o aniversario por todo o alto.

 

Rusty Bones é a proposta de catro músicos vigueses que, co seu son, trasladan ao público ao oeste americano. O grupo atópase de cheo no seu asalto aos escenarios para facernos mover os pés sen tregua.

Leria está formado por catro rapazas que fan indie en galego, inspiradas en bandas como Love of Lesbian e co firme propósito de poñer ao público a bailar e pasalo ben. Logo de recibir unha gran acollida polo público nos seus comezos, o ano pasado editaron “Marusía”, o seu primeiro disco, e recentemente lanzaron dous sinxelos: “Luces de neon” e “OQMVEG”.

Jay & The Smoking Machines van camiño de converterse en clásicos da escena rock & roll local e en xaneiro editaron finalmente o seu primeiro e agardado álbum: “Evil Eye”. Do grupo sobresaen as súas liñas de baixo con alma, as guitarras bárbaras e dúas voces clamorosas, entre elas, a do bluesman de Amsterdam, Jay Mesker. Pura esencia e enerxía rock sobre o escenario.

Zavala, pola súa banda, é pop electrónico evocador e intenso, un sopro de aire fresco en Galicia. O grupo parte da música galega cun toque innovador, contemporáneo e moderno, que aposta polas novas texturas sonoras, con guitarras sintetizadas, samples, sintetizadores e bases electrónicas, que se mesturan de forma natural con guitarras acústicas, pianos, frauta ou acordeón.

Ruxe Ruxe, con case que trinta anos de traxectoria, son xa unha referencia do rock en Galicia e en galego. Combinan o rock cunha actitude punk e sons tradicionais, empregando instrumentos como a gaita ou o saxofón. Cunha lexión de seguidores e seguidoras e quince discos editados, este 2025 lanzaron novo traballo, “Xabral”, que presentarán, xunto aos seus clásicos, na romaría de aniversario da Rebullón.

En definitiva, bo ambiente, boa comida e a mellor música galega en vivo, nunha xornada especial coa que festexar os oito anos que converteron á Sala Rebullón nun espazo cultural de referencia e con identidade propia.

Para compartilo e que ninguén perda a festa, a CMVMC de Tameiga fixou uns prezos moi populares: os concertos, a só 6 euros en anticipada (8 € na porta) e os concertos co churrasco, a 12 euros. As entradas están xa á venda, ata o 8 de maio na cantina do CSCD As Pedriñas e tamén online.