logosMonteSala.png

Fin de semana á galega na Rebullón: o “tradi” de Ailá, o debut de Xiro e o XXV aniversario de Zurrumalla

    • Este domingo 14, ás 19 horas, dobre concerto cos consolidados Ailá e Xiro, un novo proxecto asentado na música e baile tradicionais galegos
 
    • E este sábado 13, ás 20 horas, con entrada de balde, unha  actuación moi especial polos vintecinco anos de traxectoria musical de Zurrumalla

Mos, 10 de decembro de 2025.- A Sala Rebullón programa unha fin de semana perfecta para gozar da mellor música tradicional galega en directo, con propostas clásicas e contemporáneas e proxectos novos e consolidados. 
 
Este domingo 14, desde as 19 horas, a Rebullón acolle un dobre concerto, Ailá e Xiro, con entradas a 12 euros en prezo único. Con catro discos publicados, Ailá goza dunha traxectoria solvente e premiada. O grupo alzouse co premio Martín Códax da Música 2023 na categoría de Música Tradicional, representou a Galicia no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2024, no WOMEX 2023 (a maior feira de industrias musicais do mundo), no Festival Interceltique de Lorient 2023 e no Celtic Connections de Glasgow 2020. 
 
“Tradimensional” é o seu último traballo, unha homenaxe á música e ao baile tradicionais, ás vivencias que constrúen identidade e viaxan do pasado ao futuro da man das cantareiras, das mestras pandereteiras, das bailadoras e das e dos tocadores de instrumentos. 
 
Como afirma a banda, “cantamos, tocamos e bailamos as nosas músicas tradicionais para manter viva a alma dun pobo. Deste xeito facemos país: pasado, presente e futuro ondeando a bandeira da súa cultura”. Con este espírito xurde “Tradimensional”: o soño dun país unido nas súas músicas tradicionais. Ailá é un dos representantes máis novos do “tradi”, un xénero que excede ao musical no que a danza e a música pasan a converterse nun xeito de entender a vida.
 
Xunto a Ailá, o domingo tamén actuará na Rebullón Xiro, un novo e interesante proxecto con raíces nas músicas e bailes tradicionais galegos. O grupo vén de lanzar o seu primeiro EP homónimo, unha viaxe sonora pola nosa música tradicional con cinco paradas, cinco melodías que chegaron ao presente a través da transmisión oral. 
 
O trío santiagués –composto por Icía Kirk, á voz e pandeireta, Andrés Pérez, ao saxo soprano, e Xan Pampín, ao acordeón– fai música de autoría tradicional, mais con arranxos propios elaborados por Xan Pampín. Xiro é o territorio onde conversan as melodías tradicionais, un diálogo coa emoción e a sabiduría que brota da linguaxe da música e do baile tradicional de Galicia, símbolo da nosa identidade como pobo. 
28.11_ESKORZO-min.png